III ÉPOCA: ERASMUS+ IPEP JAÉN. PRIMEIRAS IMPRESIÓNS DUN PROFESOR NA EDUCACIÓN PERMANENTE, por GERARDO LÓPEZ VÁZQUEZ

 Gracias, caballero.

Non é sinxelo escribir un artigo, e máxime cando o seu contido emana da propia experiencia persoal, das impresións que un alberga, das ideas que un profesa. É un proceso complexo, porque para que teña utilidade, require dunha ampla dose de sinceridade, e por ende, de un temporal abandono da necesaria prudencia que nos require a sociedade actual. Pensemos que un centro educativo, ao fin e o cabo, é unha reprodución da realidade na que vivimos, unha idea que, dende logo, non é nova, aí están autores con visións tan diversas como Althusser ou como Bourdieu.


@mmolpor. Dos grandes de la Educación Permanente. 


Organizamos o noso sistema educativo a partires dos esquemas pretéritos que foron dando certos resultados no pasado. Habitualmente reproducimos a mesma lóxica nun sen fin de institucións. É lóxico, trátase dun aproveitamento da experiencias pasadas e de manter todo aquelo que funciona, O problema radica nunha cuestión, a sociedade non é un ser inmutábel, está sometida aos vaivéns da historia, aos cambios, a un proceso de evolución e de involución, É por iso que os centros educativos non poden e non deben de ser clons os uns dos outros. A realidade tena que definir o medio, o entorno, é dicir, as necesidades e especificidades do noso alumnado.

Á miña chegada á educación para persoas adultas tiña máis ou menos asumidos estes principios, sen embargo, non era, se cadra, tan consciente da heteroxeneidade de situacións e da necesidade e importancia da xustiza social vinculada ás aulas. A educación permanente estame a revelar unha nova realidade. A realidade dunha limpadora do fogar ou de un camareiro que necesita un título para unha certificación profesional. A realidade de un desempregado que busca unha nova oportunidade. A realidade de moitos inmigrantes que buscan unha formación, ou simplemente o recoñecemento oficial dunha formación que xa teñen, para poder contribuír a esta sociedade. A realidade dun menor que errou no pasado ou a dun adulto inmerso nun programa penitenciario de reinserción. É enorme a labor social que está vencellada a este tipo de educación. Dicía Paulo Freire que a educación non cambia o mundo, pero si cambia ás persoas que van a cambiar o mundo. Quizais, no noso caso, non esteamos formando revolucionarios que muden o sistema imperante. Non é isto o importante. O que de verdade importa é que a súa realidade, a súa propia realidade, terá cambiado.

Mellorar a vida das persoas e as condicións básicas da xente ten que ser unha das nosas prioridades. Pensemos que contamos con un alumnado moi diverso, de diferentes procedencias, con diferentes linguas maternas e que, en moitos casos, non dominan aínda a nosa lingua vehicular. As administracións públicas teñen que ser consecuentes con esta realidade. Hoxe en día, España é un estado receptor de inmigrantes, somos unha das portas de Europa e é necesario que dende a educación para adultos sexamos capaces de entender cal debe ser o noso papel en todo este proceso.

Os institutos de educación permanente deben, baixo o meu criterio, ser pioneiros na posta en marcha dos tan necesarios procesos de inclusión social. Teñen que ser a alma mater de todos aqueles que orfos de formación ou simplemente descoñecendo as linguas de Cervantes ou de Rosalía, elixan o noso país para comezar unha vida mellor. As nosas linguas vehiculares teñen que erixirse como a mellor e máis útil das ferramentas que podemos ofrecer. Todo o demais, terá que vir despois.

GERARDO LÓPEZ VÁZQUEZ

DEPARTAMENTO XEOGRAFÍA E HISTORIA. IPEP DE JAÉN

29/09/2023

Comentarios